O Boado vive un dos seus momentos máis felices, en parte tamén pola impresionante victoria conseguida onte en Bande, a quen superou por un contundente 0-6, sendo a maior victoria a domicilio do conxunto laranxa na súa curta historia.
O partido que onte se viviu nas frías terras da Baixa Limia serviu para ver a potencialidade dun Boado que se mantén líder unha semana máis.
O Julio escolleu a estes once para comezar:
O partido tivo unha primeira fase ben diferenciada, na que os dous equipos se estiveron medindo, sen asumir máis riscos dos necesarios, o que fixo que se lle regalaran ós espectadores 10 minutos realmente pouco vistosos.
E partir de aí comezou o interesante.
O Bande optou por non deixar xogar con comodidade ó Boado, coñecedores das capacidades da "Pataca Mecánica" cando se comeza a sentir con fluídez no xogo.
Foi o propio equipo local quen primeiro intentou o ataque, cortado primeiro pola asistente do colexiado e despois pola defensa, pola IMPECABLE defensa boadesa.
E así foise estirando o xogo. Nunha xogada de rexeites o Monty avisou por primeira vez, tirou con moito estilo dende a frontal e obrigou ó porteiro a empregarse para botala a córner.
Daquela o Boado xa ía sendo máis Boado. O Miranda adiantou a súa posición e a asociación co Pishas foille mellor ó equipo. Mentres tanto, o Pablo e o Diego non eran quen de percuti-las bandas, e o de Currás traballaba no medio e o Monty se ía perfilando como figura.
A defensa boadesa estivo, outra semana máis, de cine. O Pisto fixo a enésima mostra de calidade da tempada, asumindo o rol de líder dende o minuto 1, e secundado por un cada vez máis novo Ramón e uns laterais onte infranqueables. O Pulgui pronto se repuxo dun pequeno erro para firmar un boísimo partido e o Iván Fandinga pola esquerda fixo un encontro perfecto. Non deixou moverse ó que probablemente é o mellor xogador dos locais, Iago, e mostrouse máis que seguro.
Puidose adiantar o Bande nunha falta lateral botada polo veterano Marcial, pero o porteiro boadés Iago responde cunha estirada atlética para enviar a córner. Recibiu a ovación do público, onte moi numeroso.
Pese a esta melloría, o Boado aínda non se vía cómodo de todo, así que funcionou o plan B. O balón paseábase de xogador en xogador ata que o Diego retrasa a súa posición para recibir (cando o lóxico era un desmarque de ruptura) retrasa o balón e sen carreira algunha, como só el sabe facer, pega un trallazo dende 35 metros que entrou, sen apenas parábola, por riba do porteiro. Un auténtico golazo que demostra o estado de forma do de Nocelo.Cando o Boado aínda saboreaba o gol chegaba o segundo. Corría o minuto 40. Córner na banda dereita, bótao o Diego, o Pisto arrastra a dous xogadores e entra o Palomanes Pishas para marcar de cabeza un gol que sabía a gloria, a el e ao resto dos compañeiros.
Íase así chegando ó descanso, e o fútbol non era de todo xusto, porque se ben o Bande non merecía ir gañando, tampouco merecía ir perdendo, ou polo menos non 0-2. Pouco antes do pitido do intermedio, o Iago aguanta o ataque de dous dianteiros e salva prodixiosamente coa perna esquerda, o rebote deu no propio dianteiro e balón alto. Outra soberbia intervención do Zamora da categoría.
O descanso serviu para axustar aspectos do xogo e para alimentar as enerxías.
O segundo tempo empezaba tranquilo, cun Boado pausado, que sabía como debía xogar para sacar o partido adiante. O momento malo do partido chegou coa lesión do capitán Pisto, que a pesar dos seus maltreitos nocellos aguantou 55 minutos a un nivel moi superior ó que se adoita ver na Segunda Autonómica.
Axustes. Entra o Kolega, que obriga ó Miranda a retrasarse e ó Monty a poñerse de central. Pero onte ó Monty daba igual onde poñelo, ía bordalo onde queira que estivera. Ademais, recibiu o brazalete de capitán.
O Boado estaba xa moi mermado fisicamente, pero o Bande estábao moito máis, e os laranxas aproveitaron a circunstancia para dominar, en liñas xerais, o xogo. O Pimba, esgotado, pedía o cambio.
O Julio "obrigouno" un pouco máis e o resultado non puido ser mellor. O interior de Boado recibe un balón tras a intensa presión do balón do Pablo de Currás e do Pishas, e ante a saída do porteiro e a presenza dun defensor eleva con clase o balón, e a pesar de que o gardamallas toca o esférico, este entra moi cerquiña da escadra. O balbordo do público convertíase nunha sonora festa ó marcar o Pimba 6 meses despois. Golazo e cambio, entraba o Delfín, que recibiu a súa primeira ovación da tarde.
Pero antes, aínda tivo o Pimba outra mostra de clase. Arriba o Khalid, que volvía vesti-la elástica boadesa despois da súa lesión en Decembro, dedicouse a esgotar a defensa local. O Pablo pónlle un balón longo, que o galego-marroquí corre para gañar a todos, e diante do porteiro levanta o balón facendo o 0-4. Golazo que fai xustiza ó empeño do Khalid, que volvía o venres pola mañá da súa terra e sen adestrar se prestaba ás ordes do Julio.
Tamén entraron o Santi e o Sergi, que terían a súa dose de protagonismo
Mentres tanto, a defensa boadesa tiña que empregarse a fondo, aínda que só de xeito esporádico, pero o suficiente para demostrar que a retagarda boadesa é eficiente. O Pulgui deixou mostras do seu pundonor ó xogar cerca de media hora cos xemelgos sobrecargados.
O partido expiraba, pero aínda o fútbol tiña gardado un agasallo que facía tempo que xa podía ter concedido.
Un ataque boadés, en clara superioridade, fai que o Santi lla pase ó Delfín, que controla dentro da área, para asegurar o tiro, e con toda a raza e alma que o caracteriza pon o balón na escadra, onde entra para explosión de toda a familia boadesa. Compañeiros, corpo técnico, afección e veciños na distancia, celebraron o gol do Ratiño como merecía, ó grande.
E aínda había máis. O Khalid escolleu rematar el unha xogada en superioridade pero erra. E cinco minutos máis tarde repite a mesma opción e desta volta non erra, mete sutilmente o pé e fai o definitivo 0-6.
Grande festa a vivida en Bande, será unha desas tardes que queden na memoria da parroquia boadesa, e que serve, ademais, para presentar definitivamente a candidatura ó ascenso.
E así se despedía a "Pataca Mecánica" da INMELLORABLE afección boadesa.




Sem comentários:
Enviar um comentário